Etiquetas

venres, 7 de abril de 2017

Guerra con EdiLim!

Boas camaradas!
Na última sesión do mes de marzo seguimos traballando no noso proxecto educativo castrexo. Imaxinamos que vos lembrades do noso Póster Interactivo sobre os castros da Galiza que creamos con Glogster, pois a partir da realización do mesmo, tivemos acceso a unha morea de recursos multimedia que abriron a nosa mente a novos horizontes. Deste xeito, levamos a cabo unha chuvia de ideas para asenta-los alicerces do tipo de recursos que imos empregar para crea-las actividades da nosa webquest.

Isto non nos supuxo ningún problema, e cos petos cheos de boas intencións e unha morea de ideas, comezamos a plasmalas a través do editor de libros interactivos multimedia Edilim. Escollemos este recurso porque segundo Wilmer Enrique Vidaurre García e Lady Medalyt Vallejos Rodríguez (2015) trátase dun programa fácil de empregar, co que podemos crear libros sen obstáculos mediante unha interface moi clara e autoexplicativa. Asemade, trátase dun resurso moi atractivo e de fácil manexo para o alumnado.

Despois de experimentar coa mesma, e levar a cabo a creación dun libro sobre os castros que inclúe crebacabezas, sopa de letras, etc, non estamos de acordo con que sea un recurso sinxelo de empregar! 👹 Se ben a creación de actividades é bastante intuitiva, non estamos sendo capaces de subir as nosas creacións a internet! 😢 


Pero non vos preocupedes e mantede a calma, que nós non nos rendemos! Seguiremos loitando contra EdiLim e o seu almacenamento na nube que se revela contra nós! Seguiremos informando! 💪

Na nosa ampla a e profunda pescuda navegando entre tutoriais de youtube e explicacións en pdf, atopamos moitos exemplos do uso desta ferramenta.
En primeiro lugar atopamos un recurso dentro do repositorio de recursos do Colexio de Educación Primaria Pablo Olavide. Presenta unha serie de actividades sobre a morfoloxía dos sentidos, na que se combinan exercicios de pregunta-resposta, sopas de letras, quebracabezas, etc.
Para as persoas máis tradicionais, Edilim, tamén ofrece a posibilidade de narrar historias ou contos, e logo analiza-la comprensión dunha forma máis dinámica. Nesta liña, demos con outro recurso, encadrado no espazo Rincón Solidario: Lechucita va al cole.

Ata aquí por esta semana! Un saúdo! 😎


REFERENCIA BIBLIOGRÁFICAS:

García, W. E. V. & Rodríguez, L. M. V. (2015). Software educativo para lograr aprendizajes significativos en el área de matemática. UCV-HACER, 4(2), 38-45.

martes, 28 de marzo de 2017

Actividade Tema 4 - Boas prácticas en innovación educativa con TIC



Exercicio de Teoría do tema IV

A continuación expoñemos 3 experiencias de innovación educativa con TIC para Educación Primaria.

BOAS PRÁCTICAS EN INNOVACIÓN EDUCATIVA CON TIC
Título da experiencia
I+D Media 3.0
Autoría
David Barrán Ferreriro é mestre de Ciencias Sociais no CPR Plurilingüe Calasancias do municipio coruñés Estrada dos Fortes.
Páxina web (URL)
Colexio Plurilingüe Calasancias.
Artigo, publicación (indicar localización)
Trátase dun artigo que figura na páxina web do propio centro educativo, no que se ilustra o proxecto e se ofrece un vínculo para poder ollar o produto resultante do proxecto.
Destinatarios
A narración da experiencia está destinada a todas as persoas que teñan acceso á mesma, ou queiran coñecer os procederes do propio centro. Os encargados de lavala a cabo foi o  alumnado de primaria e secundaria.
Describe brevemente a innovación tecnolóxica
Fai refencia ó uso das tecnoloxías da información ( Mobile Learning, Realidade Aumentada Blippar, 1-2-3D Cacht e espazos colaborativos a través de Onedrive) para descubrir e traballa-los contidos. O resultado foi unha revista en formato dixital e papel na que se plasmou todo o traballo realizado dentro e fóra da aula. Empregaron a aplicación de realidade aumentada Blippar para vincula-las imaxes ou fotografías con vídeos, páxinas web, etc.
Describe brevemente a innovación metodolóxica
Trátase dun proxecto interdisciplinar, no que se abarcaron contidos das áreas de  Inglés, Historia, Relixión, Matemáticas, Lingua e Economía, tendo como fío condutor a Idade Media: o románico, o gótico, a sociedade, a política e a economía medieval, a transmisicón de valores e crenzas mediante o arte, contextualizado na cidade de A Coruña.
A innovación tecnolóxica foi acompañada dunha variada innovación metodolóxica que deixou pouco espazo para a educación transmisiva á que estamos acostumados. Como novidade máis interesante, destaca-la metodoloxía Flipped Classrom ou o manexo de espazos colaborativos. Todo isto fomentado a través de técnicas de traballo cooperativo.
Outros datos de interese
O proxecto tivo unha duración de seis meses.




BOAS PRÁCTICAS EN INNOVACIÓN EDUCATIVA CON TIC
Título da experiencia
Aula de Elena
Autoría
Elena Pintado Málaga (Mestra en educación primaria, profesora de piano, musicoterapeuta e especialista universitaria en coaching e educación emocional para a excelencia educativa)
Páxina web (URL)
Aula de Elena
Artigo, publicación (indicar localización)
Trátase dun blog que se pode localizar a través de calquera motor de busca de internet.
Destinatarios
A autora afirma que a páxina ten como obxectivo dar a coñecer as súas ideas e experiencias educativas, tendo como primeira consecuencia directa a conexión da realidade da aula con pais e nais do alumnado; ademais de servir de reforzo ó traballo feito polas criaturas no centro escolar.
Describe brevemente a innovación tecnolóxica
A autora emprega o blog como mecanismo de narración secuencial da experiencias da súa aula. Por unha banda, ofrece con todo luxo de detalles tanto as súas ideas educativas como o resultado das mesmas, servindo de diario de información para os pais e nais, de reforzo estimulante para o seu alumnado e de inspiración para o persoal que traballa no mundo educativo. Por outra banda ofrece información útil sobre o funcionamento da súa aula, os seus compoñentes, horarios, notas de interese; coas que se establece unha conexión  entre a escola e o fogar.
Describe brevemente a innovación metodolóxica
A innovación que ofrece este blog é de tipo comunicativa, posto que o obxectivo primordial é mellora-lo fluxo de comunicación entre a escola e o fogar. Así pois, non logra só crear un vínculo entre a comunidade educativa, senón que tamén serve de estímulo para os propios educandos. Quizais neste caso en concreto, non se aprecia unha comunicación dialóxica, na que os pais e nais podan contribuír á mellora educativa; existindo unha maior interacción entre profesionais que se retroalimentan entre si.
Outros datos de interese
A dedicación permanente e meticulosa favorece o seu seguimento e contribúe a facer deste blog unha fonte constante de inspiración para diversas actividades na aula.


BOAS PRÁCTICAS EN INNOVACIÓN EDUCATIVA CON TIC
Título da experiencia
Proyecto Pasapalabra
Autoría
Verónica Medina Suárez (Mestra do alumnado de 5º e 6º de primaria do  centro Marpe Altavista, de Las Palmas de Gran Canaria)
Páxina web (URL)
Proyecto Pasapalabra
Artigo, publicación (indicar localización)
Proxecto desenvolto mediante a plataforma Webnode.
Destinatarios
Destinado a tódolos centros interesados en participar na creación de preguntas e respostas para implementa-la plataforma. Pode xogar calquera persoa.
Describe brevemente a innovación tecnolóxica
Configura unha rede de centros creando un vínculo motivacional coa creación dun xogo fora do ámbito académico, pero cun contido claramente curricular. Adapta o contido dun programa televisivo a unha plataforma na internet.
Describe brevemente a innovación metodolóxica
Trátase da creación dunha rede de aprendizaxe, vinculando a todos aqueles centros que teñan interese en participar na creación do xogo. Polo tanto non só permite aprender a través do xogo, senón que tamén ofrece a posibilidade de participar na súa creación recoñecendo a súa autoría. O alumnado participa de forma activa no proceso, tanto na creación como no desfrute.
Outros datos de interese
Para nós, é un exemplo da transformación do proceso de ensinanza-aprendizaxe a través do xogo.


Deseñando o noso póster sobre a Cultura Castrexa!

Boas camaradas!
Na primeira sesión coa nosa nova mestra Esther, comezamos a perfilar o noso novo proxecto que, como xa vos comentamos na entrada anterior, versa sobre a Cultura Castrexa. Para facer unha primeira achega, comezamos investigando os recursos xa existentes na rede sobre esta materia, e atopamos verdadeiros tesouros! 😍
Estes recursos son moi variados, e van dende un blog creado por un mestre de primaria do CEIP Graxal, ata un catálogo dos castros da comarca de Ferrol, pasando pola experiencia creativa do alumnado do CRA de Rianxo ou o espléndido recurso multimedia creado por Mari Álvarez, unha mestra do CEIP Sangriña.

No canto de plasmar aquí unha listaxe de links sen gracia, Esther instounos a deseñar un póster interactivo multimedia empregando Glogster, unha ferramenta da web 2.0, é dicir, aberta, gratuita (na súa versión máis básica), con espírito de traballo cooperativo e colaborativo, e multimedia. Glogster non soamente nos permite imprir o noso traballo, senón que tamén o podemos insertar nunha web ou empregalo na clase mediante unha PDI.

Estamos seguras de que estades impacientes por ve-lo noso traballo, así que non vos imos facer esperar máis e invitámosvos a premer na imaxe inferior para descubrilo! Non vos deixedes levar pola timidez e plasmade a vosa opinión nos comentarios!

Un saúdo e ata a próxima! 😜





mércores, 15 de marzo de 2017

Fin da primeira parte!

Boas camaradas!
Como ben reza o título desta entrada, comezamos unha nova etapa na nosa experiencia académica coas TIC. Hoxe foi a nosa primeira sesión coa nosa nova mestra Esther Martínez.
Así pois, despois de dous meses cursando esta materia, hoxe queremos adicar esta entrada a facer unha valoración da mesma, atendendo ós métodos e ós contidos. O fluxo de traballo nas sesións con Paz era case sempre o mesmo: unha pequena guía motivacional da nova aplicación que íamos coñecer, unha indicación un pouco máis exhaustiva dos obxectivos a conseguir e por último a súa titorización durante o noso proceso de creación. Como xa comentamos nesta entrada anterior, valoramos enormemente a paciencia da nosa mestra, quen nos acompañou no noso proceso de iniciación ás TIC. A metodoloxía empregada por ela posibilitaba coñecer a ferramenta a empregar mediante a creación dun proxecto ou actividade, non soamente as súas características teóricas, é dicir, para nós a principal vantaxe do método de Paz foi a posibilidade de crear e sentir en primeira persoa as posibilidades, eficacia, accesibilidade e demais características das ferramentas traballadas.
Se nos centramos agora nos contidos, ámbalas dúas estamos de acordo en que tódalas aplicacións que coñecemos son moi interesantes e ofrecen un gran abano de posibilidades. Xunto con este pensamento, axuntamos un sentimento de descoñecemento total do mundo das TIC na educación; o que queremos dicir é que nunca pensamos que houbese tal cantidade de aplicacións abraiantes e funcionais, a partes iguais. Estamos marabilladas e moi contentas e conformes con todo o aprendido.

O único que podemos dicir con respecto ás vindeiras sesións coa nosa nova profesora Esther é que independentemente de que muden a metodoloxía e os contidos, esperamos que o fluxo de traballo siga xerando en nós motivación intrínseca, e vaia acompañado dun certo grao de liberdade á hora de experimentar, o que permite creacións moito máis vencelladas coas creadoras: nós.

Para rematar, queremos compartir con vós que nesta nova etapa que comezamos na materia de Novas Tecnoloxías, imos ter que realizar un novo proxecto baixo a tutela da nosa mestra Esther. A temática que imos traballar pertence á area das Ciencias Sociais e trata sobre os castros da Galiza. 

Seguiremos informando! 😉

martes, 14 de marzo de 2017

🚨🚧Construíndo a web do noso proxecto!🚧🚨

Ola camaradas!
Na última sesión coa mestra Paz 😢, creamos a nosa propia páxina web! Vaia salto!😲 A plataforma online que estamos a empregar é weebly, adicada á creación de páxinas web tanto gratuitas como de pago. A pesares de que o seu funcionamento é moi intuitivo e conta cunha ampla gama de plantillas e posibles modificacións que axudan a customiza-la web ó noso antollo, para que a derradeira experiencia con Paz non fose a excepción á norma, tamén nos custou un pouco arrincar e tomar as primeiras decisións de deseño. Se queredes indagar no mundo das páxinas web, deixámosvos un enlace co equipo de Website ToolTester que vos ofrece comparativas dos que consideran mellores sitios para iniciarse nesta actividade.

Afrontar a creación dunha páxina web fixo que nos somerxeramos nun mundo descoñecido para nós, tanto no que respecta a cuestións visuais ou de deseño, como a cuestións funcionais ou de manexo. Como sempre que un comeza a traballar cunha ferramenta nova, fomos descubrindo pouco a pouco as posibilidades que nos ofrece. Aínda así, tivemos axuda, xa que atopamos diversos tutoriais e materiais orientativos que nos facilitaron moito a tarefa. Podedes consultar ditos tutoriais aquí.

Para ir creando ambiente, contarémosvos que o obxectivo da páxina será expoñer o proxecto amplificado con TIC que estamos preparando para un grupo de crianzas de 3º de Educación Primaria. Se lle queredes ir botando un ollo, non tedes máis que premer no nome do proxecto que vos expoñemos a continuación: faunAPP

Gustaríanos moito que participarades na súa creación por medio de preguntas, críticas construtivas e suxerencias. 
Un saúdo e ata a próxima! 😎




Cute Black Pencil