Etiquetas

venres, 5 de maio de 2017

A reflexión final de Ana 😎

Ola camaradas!
Remata o cuatrimestre e con el pechamos unha etapa, polo que chegou o momento de facer balance da parte final da asignatura de Novas Tecnoloxías.
Xa cando rematou a parte da materia da nosa mestra Paz fixen unha reflexión ó respecto, onde destaquei que estaba abraiada coa cantidade de recursos que existen para dinamizar e traballa-los contidos do currículum co alumnado. Pois ben, agora estou, se cadra, máis abraiada aínda. Explícome. Se ben aplicacións como Aurasma, ChatterPix Kids ou PicPac permitiron que me achegara á creación de contido de xeito moi variado, as aplicacións como EducaPlay ou EdiLim amosaronme como, de xeito relativamente sinxelo, unha persoa adicada á docencia pode estimular e avivar a súa aula mediante un adecuado tratamento dos contidos.
Os Libros Interactivos Multimedia, ou as Actividades Interactivas Multimedia en xeral, parécenme algo espectacular, xa que permiten un alto nivel de persoalización, e non soamente a nivel de contidos, senón tamén no xeito en que imos presentar ditos contidos. Poder recrear a nivel interactivo e multimedia exercicios do día a día na aula (como establecer relación entre termos ou imaxes), paréceme un gran avance a tódolos niveis.
Achegarme á realidade destes recursos para a creación de contidos (ou á existencia das WebQuest) coido que foi unha experiencia moi enriquecedora, onde puiden comprobar que estes recursos non se empregan de xeito aleatorio ou gratuíto, senón que hai moito traballo de planificación e conceptualización detrás. Nunca (pero nunca nunca) pensedes que as actividades se lles amosan ás crianzas de xeito casual ou espontáneo, sempre hai unha labor da persoa docente detrás, asegurándose de que ese recurso sexa o que debe ser.
Saíndome xa agora da parte máis técnica, quero facer mención tamén á gran labor da nosa mestra Esther que, na liña de Paz, encheuse os petos con moreas de paciencia para cada unha das miñas preguntas e observacións que, asegúrovos, non foron poucas.
E claro, sen que puidese ser doutro xeito, o meu maior agradecemento é para a miña camarada nesta andaina, Cris. Penso que o día e maila noite teñen máis cousas en común das que temos no-las dúas, pero tamén penso que poucos dúos se complementan e funcionan mellor ca nós. Gracias por aturarme e apoiarme. Gracias por ser paciente e comprensiva. Gracias por ser, gracias por estar. 💕😍
Resumindo!
Que aprendín? Aprendín que nada é demasiado complicado se se lle pon ganas (e horas!). Aprendín que unha temática que te emociona é unha gran motivación. Aprendín que unha boa compañeira é fundamental.
Que desaprendín? Desaprendín que os recursos multimedia eran "xogos". Desaprendín que unha non pode sentirse orgullosa "duns deberes". Desaprendín que as TIC soamente servían para facer máis atractivos os contidos.
E ata aquí camaradas! Gracias por ler, comentar e participar!
Sigamos abrindo novos camiños coas TIC! Sigamos APPrendendo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Cute Black Pencil