Etiquetas

venres, 5 de maio de 2017

Un pequeno paso nas TIC, un gran paso para min! 🐾

Boas camaradas:

Esta última entrada individual pretende ser un repaso por todo aquelo que a maquinaria pesada do meu cerebro foi forxando durante todo este tempo, e que hoxe quero sacar á luz.
Cando comezamos esta segunda parte da materia, xa era moi consciente do difícil que resultou atoparse fóra de contexto, non entender verbas ou expresións da xerga, que soan a un idioma distinto, pero quizais o peor foi non sentir esa intuitividade da que tódalas persoas somerxidas neste mundo das TIC falan. Despois dunha primeira fase experimental, de sentirte como unha meniña, chegou unha segunda fase que me fixo sentir como unha mestra. Quizais iso foi o que máis me gustou desta etapa, pensar e deseñar dende esa posición a maneira máis entretida de moldea-lo currículo para ofrecerlle ás nosas futuras crianzas un produto motivador e educativo. 
O máis satisfactorio sen dúbida foi poder crear un deses recursos que flotan na rede, cos que achegar os contidos ó alumnado. Isto contribuíu a diminuí-la miña fobia cara todos estes aparatiños; todas estas tecnoloxías, que nun principio se me antollaban ata innecesarias. Con este achegamento fun máis consciente de que é factible traballar con TIC na aula, sen que sexa algo excepcional, nin un recheo de tempo.

A pesares de que se foi acrecentando o meu interese por este tipo de recursos (algo que sen dúbida non foi nada fácil), houbo momentos nos que tiven que andar o desandado no que a motivación se refire. 😓 O desafío máis grande quizás o presentou o creador de libros interactivos multimedia Edilim, pero moito antes de chegar á dura loita por lograr visualizalo na nosa WebQuest. Por sorte para min contei coa presenza dunha compañía inmellorable, que soubo verter en min grandes doses de paciencia, perseveranza e optimismo. 😍
Así pois, tanto Edilim como HotPotatoes semellan ofrecer unha infinidade de posibilidades, pero parece que os avances dos gráficos e de manexo non se deixaron sentir neles; polo que o seu uso resultou un obstáculo no meu empeño por meterme de cheo neste novo mundo.
Por outra banda, comecei a valorar dende un punto máis crítico todos aqueles recursos audiovisuais que poden ser empregados na aula. Se ben é certo que no mundo educativo existe a errónea conexión entre recurso audiovisual-tempo libre (práctica coa que discrepo), polo que me parece interesante facer unha reflexión persoal ou crítica da actividade que se vai facer, en que momento e por que. Paréceme moi importante comezar a valorar tódalas posibilidades que o recurso ofrece, as interpretacións e os usos; non só dende o prisma do docente, tamén dende o prisma do alumnado; ensinando a xulgar de forma crítica todos aqueles recursos e contidos cos que nos topamos, non só os empregados na aula.

Así pois, gustaríame pensar que gracias a esta materia; á liberdade e á motivación propiciada polas súas dúas mestras; e ó acompañamento incondicional brindado pola miña camarada, estou un paso máis preto de albisca-la cantidade de posibilidades que ofrecen as TIC na aula. 

Un saúdo, camaradas e ata sempre! 😉

Cris.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Cute Black Pencil