Etiquetas

venres, 7 de abril de 2017

Actividade Tema 6 - Análise dunha imaxe.

Exercicio de Teoría do tema VI

A continuación presentamos o análise da seguinte imaxe:


ANÁLISE CRÍTICO DUNHA IMAXE
Análise obxectivo
Descrición da ilustración
Trátase dunha imaxe pertencente a unha das pasaxes do conto de Brancaneves, escrito polos irmáns Grimm (século XVIII-XIX), e popularizado na gran pantalla por Walt Disney no 1.937.
Na imaxe aparecen uns personaxes centrais: sete ananos e Brancaneves, rodeados doutros persoeiros secundarios, animais salvaxes de todo tipo, que admiran a postal que os personaxes principais están a debuxar. Os ananos abandonan o fogar cargados de apeiros de traballo, manifestando as diferentes actitudes que os foron caracterizando ó longo do conto, a dama, Brancaneves, fica solleira, impecable, despedíndoos dende a entrada do lar. Ela, ataviada de forma impoluta e sorrinte, saúda ós 7 homiños, que camiñan sen mirar atrás. O entorno é totalmente bucólico.
O soporte orixinario desta imaxe é o papel, aínda que na actualidade se nos presente nun formato dixital.
Descrición da imaxe
A imaxe é policromada, cunha luz e unha saturación apropiada. A dirección da luz é frontal, e a tonalidade semella adecuada. Ofrécesenos un plano medio, no que os personaxes figuran contextualizados nun entorno determinado, neste caso o medio natural.
Descrición do texto
Acompañando a esta imaxe non figura ningún texto. Supoñemos que, ó formar parte dun conto ilustrado, esta imaxe servirá de apoio ó narrado ó longo da historia. Así pois, semella fácil intuír que forma parte dunha serie de imaxes que complementan a narración, polo tanto o seu papel é secundario.
Análise interpretativo
Público ó que vai dirixido
Pertence a un conto popular infantil, o que non impide que sexa accesible a todo tipo de público.
Característica da imaxe
Trátase dunha imaxe sinxela, na que non aparecen detalles agochados; concreta, pois pódese apreciar a realidade propia á que alude; redundante, na que abundan os estereotipos de xénero, tópicos que restan orixinalidade á imaxe, amén de transmitir unha serie de valores prefixados que fomentan a desigualdade; monosémica, xa que a imaxe non da lugar á confusión, ou a unha dobre interpretación, a pesares de posuír elementos cuestionables que podan contribuír a estigmatizar unha parte da poboación.
Mensaxe da imaxe e Sistema de valores
Cremos que a primeira intención da imaxe é ilustra-lo narrado durante o conto; servindo de apoio visual. Representa unha escena cotiá que forma parte da liña argumental do conto.
Nunha segunda ollada, é sinxelo recoñecer que tanto o conto como a ilustración contribúen a marca-los estereotipos de xénero de forma clara, contribuíndo a deforma-la idea da feminidade ata deixala xerarquizada á do home. Namentres o xénero masculino, representado a través dos ananos, encarna unha serie de características positivas e dotadoras de prestixio que van máis alá de que sexa ou non o protagonista da historia (como pode ser a actitude activa, o dinamismo, a situación que están a vivenciar na imaxe), o xénero feminino represéntase a través dunha serie de caracteres que potencian a súa beleza, bondade, docilidade, etc. Tamén se pode valora-la dedicación que asume cada un dos xéneros: na mentres os ananos desempeñan un oficio, neste caso mineiros (un traballo que require actitudes físicas moi marcadas) Brancaneves fica no fogar, encargada das tarefas da casa (actividade vinculada tradicionalmente ó xénero feminino).

Así pois, este tipo de imaxes, e por extensión este tipo de contos, contribúe a perpetua-la desigualdade de xénero, reproducindo o sistema patriarcal a través da transmisión dunha serie de caracteres superiores para o xénero masculino, e outros considerados inferiores para o xénero feminino.
Análise subxectivo
Opinión persoal
Na nosa opinión están contribuíndo a facer cada vez máis grande a fenda que separa a homes e mulleres. Estamos a falar dunha fenda que superpón o papel do home ó da muller na nosa sociedade, e que a pesar de tódolos avances que se levan facendo neste campo segue a ser enorme. Esta é a imaxe que inconscientemente estamos contribuíndo a transmitir ós nenos e nenas receptores destas historias.
Imaxe alternativa
Máis que unha ilustración alternativa, teriamos que falar dun fío narrativo e personaxes diferentes, posto que a imaxe non deixa de ser un reflexo da historia que se pretende contar. Se ben estes contos tradicionais son considerados xoias da literatura infantil, deberían pasar a formar parte da súa historia e non do seu presente. A idea non é desterralos, se non comezar a divulgar outro tipos de relatos nos que prime unha reprodución da sociedade que queremos chegar a ter e non o reflexo dunha sociedade pasada que en nada axuda a logra-los nosos obxectivos.
Propoñermos como alternativa contos como: La Cenicienta que no quería comer perdices  (Nunila López e Miryam Cameros) ou Rosa Caramelo (Adela Turín).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Cute Black Pencil