Etiquetas

venres, 5 de maio de 2017

Aí vos vai a despedida, aí vos vai a derradeira...

Ola camaradas!

Agardamos que a preocupación non aniñase en vós ó ver que nos demorábamos coa presentación da nosa WebQuest sobre o Pobo Castrexo Galego. Pese a que na nosa última entrada estabamos alporizadas porque Edilim nos estaba trolleando, finalmente saimos vitoriosas da confrontación, e logramos crear as nosas actividades e incrustalas na WebQuest.
É convinte explicar que unha WebQuest é un modelo didáctico deseñado para levar a cabo unha investigación guiada, na que a moiría da información procede de internet. (O termo foi proposto por Bernie Dodge no ano 1.995). Asi mesmo, segundo Adell Segura (2004) as WebQuest son un tipo de actividade didáctica, fundamentadas en presupostos constructivistas, que traballan en base a metodoloxía de investigación. Parte dun proceso de planificación docente a través do que se ofertan unha serie de actividades, ás que só se accede a través de internet, e un sistema de avaliación continua e final. Igualmente, é interesante a conceptualización que fai Fierro Monteagudo (2005) ó respecto, definindo as WebQuest como un xeito de combina-los recursos informáticos e o traballo cooperativo, procurando unha potencialidade da creación no mesmo, o que sen dúbida fomenta o aprendizaxe significativo.

Así pois, para a creación deste recurso empregamos Weebly, a mesma plataforma para a creación de sitios web gratuítos que anteriormente nos permitira crear FaunAPP. O groso dos contidos da WebQuest son aqueles que creamos con EducaPlay e Edilim, ós que xa fixemos referencia nas anteriores entradas, pero tamén se inclúen os recursos que seleccionamos para o noso póster multimedia de Glogster.

Convidámosvos a visitar a nosa WebQuest, na que atoparedes unha chea de datos interesantes sobre a cultura castrexa da Galiza, como as características das súas construccións, as actividades que realizaban no seu día a día, os materiais que empregaban para a fabricación de aparellos de uso diario e abelorios, etc. Ademáis, tamén atoparedes datos sobre a súa localización xeográfica na nosa Comunidade Autónoma.
Durante a súa elaboración, tentamos ser meticulosas e concienciudas tanto nos contidos como no apartado visual, aspirando a unha creación atractiva e motivadora para as crianzas. Así mesmo, procuramos que o noso recurso fose aplicable a un amplo número de contextos e niveis madurativos, para así aumenta-las súas posibilidades de uso.
Dito isto, aquí vos deixamos a nosa WebQuest: O Pobo Castrexo Galego. Agardamos que vos guste e que vos animedes a facer algún comentario ou aportación á mesma!

Ben camaradas, aquí remata a nosa experiencia con TIC no contexto educativo este ano. Sentimos unha gran ledicia e xúbilo polos coñecementos adquiridos e as experiencias vividas, principalmente as compartidas, xa que como ben sabedes, son as que mellor sabor teñen.
Non queremos deixar de agradecer ás nosas mestras Paz e Esther a paciencia, o reforzo e o apoio adicado, así como ó noso grupo de iguais toda a axuda brindada de xeito desinteresado en tódalas ocasións en que precisamos dela.



Agarimos e apertas para vós, camaradas!😍💓




REFERENCIAS
Fierro Monteagudo, J. L. (2005). La oportunidad webquest. Didáctica, Innovación y Multimedia.23(2),143-169.
Adell, J. (2006). Internet en el aula: las WebQuest. Edutec. Revista electrónica de tecnología educativa.(17).
Caricaturas creadas con http://www.sp-studio.de/

A reflexión final de Ana 😎

Ola camaradas!
Remata o cuatrimestre e con el pechamos unha etapa, polo que chegou o momento de facer balance da parte final da asignatura de Novas Tecnoloxías.
Xa cando rematou a parte da materia da nosa mestra Paz fixen unha reflexión ó respecto, onde destaquei que estaba abraiada coa cantidade de recursos que existen para dinamizar e traballa-los contidos do currículum co alumnado. Pois ben, agora estou, se cadra, máis abraiada aínda. Explícome. Se ben aplicacións como Aurasma, ChatterPix Kids ou PicPac permitiron que me achegara á creación de contido de xeito moi variado, as aplicacións como EducaPlay ou EdiLim amosaronme como, de xeito relativamente sinxelo, unha persoa adicada á docencia pode estimular e avivar a súa aula mediante un adecuado tratamento dos contidos.
Os Libros Interactivos Multimedia, ou as Actividades Interactivas Multimedia en xeral, parécenme algo espectacular, xa que permiten un alto nivel de persoalización, e non soamente a nivel de contidos, senón tamén no xeito en que imos presentar ditos contidos. Poder recrear a nivel interactivo e multimedia exercicios do día a día na aula (como establecer relación entre termos ou imaxes), paréceme un gran avance a tódolos niveis.
Achegarme á realidade destes recursos para a creación de contidos (ou á existencia das WebQuest) coido que foi unha experiencia moi enriquecedora, onde puiden comprobar que estes recursos non se empregan de xeito aleatorio ou gratuíto, senón que hai moito traballo de planificación e conceptualización detrás. Nunca (pero nunca nunca) pensedes que as actividades se lles amosan ás crianzas de xeito casual ou espontáneo, sempre hai unha labor da persoa docente detrás, asegurándose de que ese recurso sexa o que debe ser.
Saíndome xa agora da parte máis técnica, quero facer mención tamén á gran labor da nosa mestra Esther que, na liña de Paz, encheuse os petos con moreas de paciencia para cada unha das miñas preguntas e observacións que, asegúrovos, non foron poucas.
E claro, sen que puidese ser doutro xeito, o meu maior agradecemento é para a miña camarada nesta andaina, Cris. Penso que o día e maila noite teñen máis cousas en común das que temos no-las dúas, pero tamén penso que poucos dúos se complementan e funcionan mellor ca nós. Gracias por aturarme e apoiarme. Gracias por ser paciente e comprensiva. Gracias por ser, gracias por estar. 💕😍
Resumindo!
Que aprendín? Aprendín que nada é demasiado complicado se se lle pon ganas (e horas!). Aprendín que unha temática que te emociona é unha gran motivación. Aprendín que unha boa compañeira é fundamental.
Que desaprendín? Desaprendín que os recursos multimedia eran "xogos". Desaprendín que unha non pode sentirse orgullosa "duns deberes". Desaprendín que as TIC soamente servían para facer máis atractivos os contidos.
E ata aquí camaradas! Gracias por ler, comentar e participar!
Sigamos abrindo novos camiños coas TIC! Sigamos APPrendendo!

Un pequeno paso nas TIC, un gran paso para min! 🐾

Boas camaradas:

Esta última entrada individual pretende ser un repaso por todo aquelo que a maquinaria pesada do meu cerebro foi forxando durante todo este tempo, e que hoxe quero sacar á luz.
Cando comezamos esta segunda parte da materia, xa era moi consciente do difícil que resultou atoparse fóra de contexto, non entender verbas ou expresións da xerga, que soan a un idioma distinto, pero quizais o peor foi non sentir esa intuitividade da que tódalas persoas somerxidas neste mundo das TIC falan. Despois dunha primeira fase experimental, de sentirte como unha meniña, chegou unha segunda fase que me fixo sentir como unha mestra. Quizais iso foi o que máis me gustou desta etapa, pensar e deseñar dende esa posición a maneira máis entretida de moldea-lo currículo para ofrecerlle ás nosas futuras crianzas un produto motivador e educativo. 
O máis satisfactorio sen dúbida foi poder crear un deses recursos que flotan na rede, cos que achegar os contidos ó alumnado. Isto contribuíu a diminuí-la miña fobia cara todos estes aparatiños; todas estas tecnoloxías, que nun principio se me antollaban ata innecesarias. Con este achegamento fun máis consciente de que é factible traballar con TIC na aula, sen que sexa algo excepcional, nin un recheo de tempo.

A pesares de que se foi acrecentando o meu interese por este tipo de recursos (algo que sen dúbida non foi nada fácil), houbo momentos nos que tiven que andar o desandado no que a motivación se refire. 😓 O desafío máis grande quizás o presentou o creador de libros interactivos multimedia Edilim, pero moito antes de chegar á dura loita por lograr visualizalo na nosa WebQuest. Por sorte para min contei coa presenza dunha compañía inmellorable, que soubo verter en min grandes doses de paciencia, perseveranza e optimismo. 😍
Así pois, tanto Edilim como HotPotatoes semellan ofrecer unha infinidade de posibilidades, pero parece que os avances dos gráficos e de manexo non se deixaron sentir neles; polo que o seu uso resultou un obstáculo no meu empeño por meterme de cheo neste novo mundo.
Por outra banda, comecei a valorar dende un punto máis crítico todos aqueles recursos audiovisuais que poden ser empregados na aula. Se ben é certo que no mundo educativo existe a errónea conexión entre recurso audiovisual-tempo libre (práctica coa que discrepo), polo que me parece interesante facer unha reflexión persoal ou crítica da actividade que se vai facer, en que momento e por que. Paréceme moi importante comezar a valorar tódalas posibilidades que o recurso ofrece, as interpretacións e os usos; non só dende o prisma do docente, tamén dende o prisma do alumnado; ensinando a xulgar de forma crítica todos aqueles recursos e contidos cos que nos topamos, non só os empregados na aula.

Así pois, gustaríame pensar que gracias a esta materia; á liberdade e á motivación propiciada polas súas dúas mestras; e ó acompañamento incondicional brindado pola miña camarada, estou un paso máis preto de albisca-la cantidade de posibilidades que ofrecen as TIC na aula. 

Un saúdo, camaradas e ata sempre! 😉

Cris.

Actividade tema 9 - Comunidade Dojo

Ola camaradas:

Na clase teórica desta semana levamos a acabo un ensaio cunha innovadora aplicación chamada ClassDojo. Esta ferramenta naceu no ano 2011, e foi creada por dous británicos chamados Sam Chaudhary e Liam Don co fin de deseñar unha aplicación virtual que permitise a interacción familias-alumnado-profesorado. Así, dita plataforma online permite ó persoal docente xestionar a súa aula a través de puntuacións a modo de retroalimentación sobre o comportamento do alumnado de forma accesible, aberta e personalizable.
Trátase pois, dun sistema de recompensa que se guía polos valores preestablecidos na comunidade virtual. O mestre ou mestra correspondente será o encargado de administrar en exclusiva tanto os valores, como as puntuacións, xerando sempre as aulas que sexan necesarias para o seu traballo: aula co primeiro curso, co alumnado de inglés, de terceiro... tantas como desexe. 
Por outra banda, esta plataforma virtual tamén facilita a participación das familias integrándoas no proceso de ensino-aprendizaxe a través da súa participación activa xa que, dita ferramenta, permite a comunicación docente-familia informando sobre cuestións como: as notas das súas crianzas, o comportamento destas, etc. todo isto a través da opción de  Class Story. Para que esta aplicación cobre sentido e funcione correctamente pódense crear tres contas diferentes en función de quen vaia a se-lo usuario que a vaia a usar: familias, docentes e alumnado; cada unha cun rol diferente. Podedes picar na icona para ver un exemplo das invitacións que se envían as persoas que queren pasar a ser parte da comunidade.

 Códigos de invitación ClassDojo


Unha vez aclaradas estas pautas principais, fusionámonos co grupo de AluTICnante (Uxía, Laura, David e María), para levalo a cabo conxuntamente nun simulacro da comunidade na aula que denominamos Xoaniña.




Dentro do propio grupo de aula, crearonse tantos avatares como persoas participantes. Estes monicreques ofrecen a posibilidade de ser customizados ó custo da persoa usuaria, como vemos no exemplo:




Tamén fixamos, de forma consensuada cales serían as finalidades, as características ou os trazos que deberían observarse para o bo funcionamento do grupo, servindo de guían para outorgar as puntuacións: Amor, cooperación, empatía, perseveranza, egoísmo, faltas de respecto, etc. As cualificacións obtidas polo alumnado exprésanse en forma de gráfica, como a seguinte, que pertence a nosa compañeira María:


                                   

Antes de esclarecer as vantaxes e desvantaxes que o grupo percibiu trala experiencia de utilizar ClassDojo, gustaríanos presentarvos un caso real dunha mestra que usa ClassDojo. na súa aula. Estamos a falar de Miren Pardo, unha profesora de Educación Infantil que imparte clase a nenos de 4 anos nun colexio público de Castelló. Esta profesora explícanos, a través desta entrevista, como utiliza ela o ClassDojo e outras aplicacións virtuais na súa aula. Así, relátanos que para ela foi todo un logro o implantar este sistema na súa clase, xa que, como ben di permite facer que os alumnos asimilen, de forma divertida, as normas de conduta e os aspectos para mellorar no día a día. 
Xa para finalizar esta entrada sobre o ClassDojo e as súas implicacións na aula, o grupo fusionado estableceu unha serie de vantaxes e desvantaxes que, trala súa propia experiencia, destacou: 

Vantaxes do ClassDojo
֍   Permite comunicarche (como persoal docente) coas familias sen ter que estar cara a cara.
֍   Ademais de poder ver as puntuacións dos seus fillos e fillas e de ver como estes progresan no seu proceso de ensino-aprendizaxe, permite establecer un chat directo co persoal docente para manter directamente unha conversación online. 
֍   Trátase dunha plataforma de acceso gratuíto, tes que dispoñer do material necesario (Computador, móbil, tablet, etc) e acceso a Internet para poder usalo. 
֍   Permite unha comunicación sincrónica e individualizada. 
֍   Anima ó alumnado para participar e prestar máis atención en clase xa que os puntos ou eses selos adoitan estimular esas accións. A crianzas percíbeno como un xogo. 
֍   Trátase dunha plataforma creada orixinalmente en inglés pero que ten a vantaxe de estar traducida por Chrome
֍   É unha multiplataforma, xa que se pode usar tanto para Android como para iOS.
֍   A través dela pódese estipular con claridade os fins que se pretenden alcanzar no grupo, presentándose dunha maneira clara para as crianzas.
֍   Permite unha retroalimentación continúa (Persoal docente-familias e Persoal docente-alumnado). 

Desvantaxes do ClassDojo: 
     Fomenta a competitividade, xa que os nenos e as nenas poden enfrontarse por querer obter máis puntuacións positivas. 
     Crea unha sensación de vixilancia constante. 
     Pode xerar pelexas entre as crianzas, por converterse en favorito da persoa docente
     Penaliza pero non facilita unhas pautas de corrección adecuadas, é dicir, outorga puntuacións negativas pero non explica extensivamente o porqué dese castigo. 
     Utiliza unha linguaxe non inclusivo. 
     Diminúe o contacto real e físico.
     Depende necesariamente das conexións a Internet. 
     Ligado ao anterior, pode levar a posibles equívocos na expresión e comprensión da información que se está dando. 
     Vértense datos persoais na rede. 


Gustaríanos que valorásedes a aplicación por vós mesmos, para que así poidades comprobar en primeira persoa o rendemento que lle podedes sacar, e articular a vosa opinión ó respecto!
Cute Black Pencil