Etiquetas

venres, 5 de maio de 2017

Actividade tema 9 - Comunidade Dojo

Ola camaradas:

Na clase teórica desta semana levamos a acabo un ensaio cunha innovadora aplicación chamada ClassDojo. Esta ferramenta naceu no ano 2011, e foi creada por dous británicos chamados Sam Chaudhary e Liam Don co fin de deseñar unha aplicación virtual que permitise a interacción familias-alumnado-profesorado. Así, dita plataforma online permite ó persoal docente xestionar a súa aula a través de puntuacións a modo de retroalimentación sobre o comportamento do alumnado de forma accesible, aberta e personalizable.
Trátase pois, dun sistema de recompensa que se guía polos valores preestablecidos na comunidade virtual. O mestre ou mestra correspondente será o encargado de administrar en exclusiva tanto os valores, como as puntuacións, xerando sempre as aulas que sexan necesarias para o seu traballo: aula co primeiro curso, co alumnado de inglés, de terceiro... tantas como desexe. 
Por outra banda, esta plataforma virtual tamén facilita a participación das familias integrándoas no proceso de ensino-aprendizaxe a través da súa participación activa xa que, dita ferramenta, permite a comunicación docente-familia informando sobre cuestións como: as notas das súas crianzas, o comportamento destas, etc. todo isto a través da opción de  Class Story. Para que esta aplicación cobre sentido e funcione correctamente pódense crear tres contas diferentes en función de quen vaia a se-lo usuario que a vaia a usar: familias, docentes e alumnado; cada unha cun rol diferente. Podedes picar na icona para ver un exemplo das invitacións que se envían as persoas que queren pasar a ser parte da comunidade.

 Códigos de invitación ClassDojo


Unha vez aclaradas estas pautas principais, fusionámonos co grupo de AluTICnante (Uxía, Laura, David e María), para levalo a cabo conxuntamente nun simulacro da comunidade na aula que denominamos Xoaniña.




Dentro do propio grupo de aula, crearonse tantos avatares como persoas participantes. Estes monicreques ofrecen a posibilidade de ser customizados ó custo da persoa usuaria, como vemos no exemplo:




Tamén fixamos, de forma consensuada cales serían as finalidades, as características ou os trazos que deberían observarse para o bo funcionamento do grupo, servindo de guían para outorgar as puntuacións: Amor, cooperación, empatía, perseveranza, egoísmo, faltas de respecto, etc. As cualificacións obtidas polo alumnado exprésanse en forma de gráfica, como a seguinte, que pertence a nosa compañeira María:


                                   

Antes de esclarecer as vantaxes e desvantaxes que o grupo percibiu trala experiencia de utilizar ClassDojo, gustaríanos presentarvos un caso real dunha mestra que usa ClassDojo. na súa aula. Estamos a falar de Miren Pardo, unha profesora de Educación Infantil que imparte clase a nenos de 4 anos nun colexio público de Castelló. Esta profesora explícanos, a través desta entrevista, como utiliza ela o ClassDojo e outras aplicacións virtuais na súa aula. Así, relátanos que para ela foi todo un logro o implantar este sistema na súa clase, xa que, como ben di permite facer que os alumnos asimilen, de forma divertida, as normas de conduta e os aspectos para mellorar no día a día. 
Xa para finalizar esta entrada sobre o ClassDojo e as súas implicacións na aula, o grupo fusionado estableceu unha serie de vantaxes e desvantaxes que, trala súa propia experiencia, destacou: 

Vantaxes do ClassDojo
֍   Permite comunicarche (como persoal docente) coas familias sen ter que estar cara a cara.
֍   Ademais de poder ver as puntuacións dos seus fillos e fillas e de ver como estes progresan no seu proceso de ensino-aprendizaxe, permite establecer un chat directo co persoal docente para manter directamente unha conversación online. 
֍   Trátase dunha plataforma de acceso gratuíto, tes que dispoñer do material necesario (Computador, móbil, tablet, etc) e acceso a Internet para poder usalo. 
֍   Permite unha comunicación sincrónica e individualizada. 
֍   Anima ó alumnado para participar e prestar máis atención en clase xa que os puntos ou eses selos adoitan estimular esas accións. A crianzas percíbeno como un xogo. 
֍   Trátase dunha plataforma creada orixinalmente en inglés pero que ten a vantaxe de estar traducida por Chrome
֍   É unha multiplataforma, xa que se pode usar tanto para Android como para iOS.
֍   A través dela pódese estipular con claridade os fins que se pretenden alcanzar no grupo, presentándose dunha maneira clara para as crianzas.
֍   Permite unha retroalimentación continúa (Persoal docente-familias e Persoal docente-alumnado). 

Desvantaxes do ClassDojo: 
     Fomenta a competitividade, xa que os nenos e as nenas poden enfrontarse por querer obter máis puntuacións positivas. 
     Crea unha sensación de vixilancia constante. 
     Pode xerar pelexas entre as crianzas, por converterse en favorito da persoa docente
     Penaliza pero non facilita unhas pautas de corrección adecuadas, é dicir, outorga puntuacións negativas pero non explica extensivamente o porqué dese castigo. 
     Utiliza unha linguaxe non inclusivo. 
     Diminúe o contacto real e físico.
     Depende necesariamente das conexións a Internet. 
     Ligado ao anterior, pode levar a posibles equívocos na expresión e comprensión da información que se está dando. 
     Vértense datos persoais na rede. 


Gustaríanos que valorásedes a aplicación por vós mesmos, para que así poidades comprobar en primeira persoa o rendemento que lle podedes sacar, e articular a vosa opinión ó respecto!

venres, 21 de abril de 2017

Actividade tema 7 - Análise dun vídeo didáctico

Exercicio de Teoría do tema VII

A continuación expoñemos a nosa análise sobre o vídeo didáctico recomendado na aula:



Análise dun vídeo didáctico
Título
Fluvi, te enseña a cuidar el agua.
Duración
3’ 57’’
Posibles obxectivos do vídeo
A área na que mellor se encadra o contido do vídeo é a das Ciencias da Natureza, posto que a temática abarca dende o coidado do medio ambiente, ata o ciclo da auga, pasando pola función de nutrición das plantas.
O nivel para o que pode ser empregado o vídeo é máis difícil de precisar. Polos contidos pode que terceiro ou cuarto de Educación Primaria, pero quizais a iconografía empregada e a linguaxe nos podería indicar outro nivel.
Función didáctica
O función deste vídeo pode que sexa máis de tipo informativa ou presentativa, facilitando un tipo de información que tanto polo formato como polo deseño distan da interacción.
Así pois a súa posibilidade de uso estaría máis restrinxida ó vídeo-apoio, aínda que tamén é susceptible de ser empregada como vídeo-lección para o alumnado cun coñecemento suficiente sobre os contidos.
Contidos, conceptos e ideas contemplados
O vídeo está estruturado en dúas partes; medidas de aforro da auga para o coidado do medio ambiente e o ciclo da auga. Polo que pode ser empregado de forma fragmentada para tratar medidas de coidado na natureza, xa que proporciona unha serie de consellos a seguir para contribuír ó coidado do medio ambiente.
Tamén, de forma fragmentada pode ser empregado para traballar o ciclo da auga. De forma máis específica pódese empregar para comprender as distintas reservas da auga coas que nos podemos atopar no planeta Terra, o tempo atmosférico ou os estados nos que se atopan os elementos na natureza: sólido, líquido e gasoso. Quizais, dunha forma máis puntual, tamén podería ser empregalo para complementar explicación do proceso de nutrición das plantas.
No referente ós contidos, semella que aborda os dous temas dunha forma diferenciada, e aínda que ámbalas partes gardan relación entre si, xa que as dúas fan alusión á temática da auga, aparecen de forma claramente separada.
No fragmento dedicado ó ciclo da auga faise unha breve introdución, incluíndo incluso un novo personaxe que chama a atención dos espectadores. Pola contra, na primeira parte non aparece unha introdución clara. O vídeo segue unha secuencia lineal, pola que non existe un fío argumental máis aló do temático. Os consellos que se ofrecen sobre o uso responsable da auga aparecen de forma illada.
En xeral, podería realizarse un mapa de contidos a través do seguimento do vídeo. Se ben na primeira parte xiraría entorno os consellos sobre o uso responsable da auga; na segunda parte o mapa conceptual implicaría unha previa comprensión dos conceptos xa explicados.
Na primeira parte do vídeo as competencias que traballa son de tipo actitudinal, pois busca xerar uns hábitos de comportamento responsables. Pola contra, na segunda parte do vídeo as competencias son de tipo conceptual, pois coa explicación procúrase favorecer a memorización e o coñecemento de determinados conceptos.
Área de coñecemento apropiada para o seu uso
Como xa mencionamos anteriormente, a área máis adecuada para o seu uso sería a de Ciencias da Natureza. Aínda que, sendo creativas, podería empregarse para traballar a comprensión oral na área de Lingua Castelá e Literatura, pero nun nivel superior, pois o acento e o léxico empregado obstaculizan a comprensión, tendo que recorrer a interpretación lingüística guiada polo contexto.
ACTIVIDADES
Previas
No caso de emprega-lo vídeo para traballar o ciclo da auga, podemos facer unha sondaxe de ideas previas para coñecer o que o alumado sabe dese contido.
Así pois, podémoslle pedir que debuxen un río, o seu nacemento e a súa desembocadura, e que coloreen a auga que transcorre a través dese río. Para rematar faremos unha pregunta que cause inquedanza: que ocorre cando a auga chega o mar?
Durante
Nunha ficha que conteña varios debuxos desordenados sobre a secuencia explicada do ciclo da auga, deberán ir anotando a orde en que cada paso foi explicado no vídeo. Esta actividade serve para procurar unha atención sostida no tempo e implicalos no visionado, ó mesmo tempo que lles serve de guía para que reparen nos conceptos máis importantes para nós.
Posteriores
Finalmente, realizaremos en clase unha maqueta que represente o ciclo da auga. O alumnado, guiándose pola ficha cumprimentada durante o visionado, será o encargado de decidir os pasos, e de xeito cooperativo repartirán as tarefas e as realizarán.

venres, 7 de abril de 2017

As facilidades de EducaPlay!

Ola camaradas!
Na nosa derradeira sesión antes das vacacións de pascua conseguimos avanzar un pouco na nosa batalla con EdiLim (o editor de libros interactivos multimedia). Coa axuda da nosa profe Esther, conseguimos hospedar a nosa creación sobre o Pobo Castrexo na nube chiscos, e deste xeito, conseguimos facela accesible a través da súa dirección html! Todo un avance! 💪 Estamos seguras de que estades impacientes por vela pero... ides ter que seguir agardando! 😂

Como contraste a todo o calvario que estamos a padecer con EdiLim, apareceu EducaPlay nas nosas vidas para facer a nosa experiencia TIC un pouco máis sinxela 😍 Trátase dunha plataforma online coa que podemos diseñar actividades interactivas multimedia, e que nos permite integralas posteriormente no noso blog, web, etc. dun xeito moi sinxelo (esta vez sí que o é 😏) e intuitivo. Isto débese a que a propia plataforma nos facilita o código html e tamén o código iframe ó tempo que nos da acceso á actividade creada. Se ben este é un gran atractivo, tamén o é o feito de que permita avaliar e puntua-las actividades. Incluso hai un ranking na propia plataforma!

Como xa vos castigamos un pouco ó non comparti-lo noso libro interactivo multimedia, imos compartir convosco a nosa creación educaplay sobre os castros da provincia de Pontevedra, pero sen permitirvos que xoguedes! 👿 



Se prestades atención á imaxe, veredes que nos permite establecer o número de intentos que temos para realiza-la actividade, que nos cronometra o tempo que empregamos en facela e que nos asigna unha puntuación en función do acertado das nosas respostas.
Non deixedes de visitar EducaPlay e navegar entre os seus recursos, quen sabe! poida que vos atopedes coa nosa! 😎

Ata a volta!

Actividade Tema 6 - Análise dunha imaxe.

Exercicio de Teoría do tema VI

A continuación presentamos o análise da seguinte imaxe:


ANÁLISE CRÍTICO DUNHA IMAXE
Análise obxectivo
Descrición da ilustración
Trátase dunha imaxe pertencente a unha das pasaxes do conto de Brancaneves, escrito polos irmáns Grimm (século XVIII-XIX), e popularizado na gran pantalla por Walt Disney no 1.937.
Na imaxe aparecen uns personaxes centrais: sete ananos e Brancaneves, rodeados doutros persoeiros secundarios, animais salvaxes de todo tipo, que admiran a postal que os personaxes principais están a debuxar. Os ananos abandonan o fogar cargados de apeiros de traballo, manifestando as diferentes actitudes que os foron caracterizando ó longo do conto, a dama, Brancaneves, fica solleira, impecable, despedíndoos dende a entrada do lar. Ela, ataviada de forma impoluta e sorrinte, saúda ós 7 homiños, que camiñan sen mirar atrás. O entorno é totalmente bucólico.
O soporte orixinario desta imaxe é o papel, aínda que na actualidade se nos presente nun formato dixital.
Descrición da imaxe
A imaxe é policromada, cunha luz e unha saturación apropiada. A dirección da luz é frontal, e a tonalidade semella adecuada. Ofrécesenos un plano medio, no que os personaxes figuran contextualizados nun entorno determinado, neste caso o medio natural.
Descrición do texto
Acompañando a esta imaxe non figura ningún texto. Supoñemos que, ó formar parte dun conto ilustrado, esta imaxe servirá de apoio ó narrado ó longo da historia. Así pois, semella fácil intuír que forma parte dunha serie de imaxes que complementan a narración, polo tanto o seu papel é secundario.
Análise interpretativo
Público ó que vai dirixido
Pertence a un conto popular infantil, o que non impide que sexa accesible a todo tipo de público.
Característica da imaxe
Trátase dunha imaxe sinxela, na que non aparecen detalles agochados; concreta, pois pódese apreciar a realidade propia á que alude; redundante, na que abundan os estereotipos de xénero, tópicos que restan orixinalidade á imaxe, amén de transmitir unha serie de valores prefixados que fomentan a desigualdade; monosémica, xa que a imaxe non da lugar á confusión, ou a unha dobre interpretación, a pesares de posuír elementos cuestionables que podan contribuír a estigmatizar unha parte da poboación.
Mensaxe da imaxe e Sistema de valores
Cremos que a primeira intención da imaxe é ilustra-lo narrado durante o conto; servindo de apoio visual. Representa unha escena cotiá que forma parte da liña argumental do conto.
Nunha segunda ollada, é sinxelo recoñecer que tanto o conto como a ilustración contribúen a marca-los estereotipos de xénero de forma clara, contribuíndo a deforma-la idea da feminidade ata deixala xerarquizada á do home. Namentres o xénero masculino, representado a través dos ananos, encarna unha serie de características positivas e dotadoras de prestixio que van máis alá de que sexa ou non o protagonista da historia (como pode ser a actitude activa, o dinamismo, a situación que están a vivenciar na imaxe), o xénero feminino represéntase a través dunha serie de caracteres que potencian a súa beleza, bondade, docilidade, etc. Tamén se pode valora-la dedicación que asume cada un dos xéneros: na mentres os ananos desempeñan un oficio, neste caso mineiros (un traballo que require actitudes físicas moi marcadas) Brancaneves fica no fogar, encargada das tarefas da casa (actividade vinculada tradicionalmente ó xénero feminino).

Así pois, este tipo de imaxes, e por extensión este tipo de contos, contribúe a perpetua-la desigualdade de xénero, reproducindo o sistema patriarcal a través da transmisión dunha serie de caracteres superiores para o xénero masculino, e outros considerados inferiores para o xénero feminino.
Análise subxectivo
Opinión persoal
Na nosa opinión están contribuíndo a facer cada vez máis grande a fenda que separa a homes e mulleres. Estamos a falar dunha fenda que superpón o papel do home ó da muller na nosa sociedade, e que a pesar de tódolos avances que se levan facendo neste campo segue a ser enorme. Esta é a imaxe que inconscientemente estamos contribuíndo a transmitir ós nenos e nenas receptores destas historias.
Imaxe alternativa
Máis que unha ilustración alternativa, teriamos que falar dun fío narrativo e personaxes diferentes, posto que a imaxe non deixa de ser un reflexo da historia que se pretende contar. Se ben estes contos tradicionais son considerados xoias da literatura infantil, deberían pasar a formar parte da súa historia e non do seu presente. A idea non é desterralos, se non comezar a divulgar outro tipos de relatos nos que prime unha reprodución da sociedade que queremos chegar a ter e non o reflexo dunha sociedade pasada que en nada axuda a logra-los nosos obxectivos.
Propoñermos como alternativa contos como: La Cenicienta que no quería comer perdices  (Nunila López e Miryam Cameros) ou Rosa Caramelo (Adela Turín).

Guerra con EdiLim!

Boas camaradas!
Na última sesión do mes de marzo seguimos traballando no noso proxecto educativo castrexo. Imaxinamos que vos lembrades do noso Póster Interactivo sobre os castros da Galiza que creamos con Glogster, pois a partir da realización do mesmo, tivemos acceso a unha morea de recursos multimedia que abriron a nosa mente a novos horizontes. Deste xeito, levamos a cabo unha chuvia de ideas para asenta-los alicerces do tipo de recursos que imos empregar para crea-las actividades da nosa webquest.

Isto non nos supuxo ningún problema, e cos petos cheos de boas intencións e unha morea de ideas, comezamos a plasmalas a través do editor de libros interactivos multimedia Edilim. Escollemos este recurso porque segundo Wilmer Enrique Vidaurre García e Lady Medalyt Vallejos Rodríguez (2015) trátase dun programa fácil de empregar, co que podemos crear libros sen obstáculos mediante unha interface moi clara e autoexplicativa. Asemade, trátase dun resurso moi atractivo e de fácil manexo para o alumnado.

Despois de experimentar coa mesma, e levar a cabo a creación dun libro sobre os castros que inclúe crebacabezas, sopa de letras, etc, non estamos de acordo con que sea un recurso sinxelo de empregar! 👹 Se ben a creación de actividades é bastante intuitiva, non estamos sendo capaces de subir as nosas creacións a internet! 😢 


Pero non vos preocupedes e mantede a calma, que nós non nos rendemos! Seguiremos loitando contra EdiLim e o seu almacenamento na nube que se revela contra nós! Seguiremos informando! 💪

Na nosa ampla a e profunda pescuda navegando entre tutoriais de youtube e explicacións en pdf, atopamos moitos exemplos do uso desta ferramenta.
En primeiro lugar atopamos un recurso dentro do repositorio de recursos do Colexio de Educación Primaria Pablo Olavide. Presenta unha serie de actividades sobre a morfoloxía dos sentidos, na que se combinan exercicios de pregunta-resposta, sopas de letras, quebracabezas, etc.
Para as persoas máis tradicionais, Edilim, tamén ofrece a posibilidade de narrar historias ou contos, e logo analiza-la comprensión dunha forma máis dinámica. Nesta liña, demos con outro recurso, encadrado no espazo Rincón Solidario: Lechucita va al cole.

Ata aquí por esta semana! Un saúdo! 😎


REFERENCIA BIBLIOGRÁFICAS:

García, W. E. V. & Rodríguez, L. M. V. (2015). Software educativo para lograr aprendizajes significativos en el área de matemática. UCV-HACER, 4(2), 38-45.
Cute Black Pencil