Etiquetas

venres, 5 de maio de 2017

Actividade tema 9 - Comunidade Dojo

Ola camaradas:

Na clase teórica desta semana levamos a acabo un ensaio cunha innovadora aplicación chamada ClassDojo. Esta ferramenta naceu no ano 2011, e foi creada por dous británicos chamados Sam Chaudhary e Liam Don co fin de deseñar unha aplicación virtual que permitise a interacción familias-alumnado-profesorado. Así, dita plataforma online permite ó persoal docente xestionar a súa aula a través de puntuacións a modo de retroalimentación sobre o comportamento do alumnado de forma accesible, aberta e personalizable.
Trátase pois, dun sistema de recompensa que se guía polos valores preestablecidos na comunidade virtual. O mestre ou mestra correspondente será o encargado de administrar en exclusiva tanto os valores, como as puntuacións, xerando sempre as aulas que sexan necesarias para o seu traballo: aula co primeiro curso, co alumnado de inglés, de terceiro... tantas como desexe. 
Por outra banda, esta plataforma virtual tamén facilita a participación das familias integrándoas no proceso de ensino-aprendizaxe a través da súa participación activa xa que, dita ferramenta, permite a comunicación docente-familia informando sobre cuestións como: as notas das súas crianzas, o comportamento destas, etc. todo isto a través da opción de  Class Story. Para que esta aplicación cobre sentido e funcione correctamente pódense crear tres contas diferentes en función de quen vaia a se-lo usuario que a vaia a usar: familias, docentes e alumnado; cada unha cun rol diferente. Podedes picar na icona para ver un exemplo das invitacións que se envían as persoas que queren pasar a ser parte da comunidade.

 Códigos de invitación ClassDojo


Unha vez aclaradas estas pautas principais, fusionámonos co grupo de AluTICnante (Uxía, Laura, David e María), para levalo a cabo conxuntamente nun simulacro da comunidade na aula que denominamos Xoaniña.




Dentro do propio grupo de aula, crearonse tantos avatares como persoas participantes. Estes monicreques ofrecen a posibilidade de ser customizados ó custo da persoa usuaria, como vemos no exemplo:




Tamén fixamos, de forma consensuada cales serían as finalidades, as características ou os trazos que deberían observarse para o bo funcionamento do grupo, servindo de guían para outorgar as puntuacións: Amor, cooperación, empatía, perseveranza, egoísmo, faltas de respecto, etc. As cualificacións obtidas polo alumnado exprésanse en forma de gráfica, como a seguinte, que pertence a nosa compañeira María:


                                   

Antes de esclarecer as vantaxes e desvantaxes que o grupo percibiu trala experiencia de utilizar ClassDojo, gustaríanos presentarvos un caso real dunha mestra que usa ClassDojo. na súa aula. Estamos a falar de Miren Pardo, unha profesora de Educación Infantil que imparte clase a nenos de 4 anos nun colexio público de Castelló. Esta profesora explícanos, a través desta entrevista, como utiliza ela o ClassDojo e outras aplicacións virtuais na súa aula. Así, relátanos que para ela foi todo un logro o implantar este sistema na súa clase, xa que, como ben di permite facer que os alumnos asimilen, de forma divertida, as normas de conduta e os aspectos para mellorar no día a día. 
Xa para finalizar esta entrada sobre o ClassDojo e as súas implicacións na aula, o grupo fusionado estableceu unha serie de vantaxes e desvantaxes que, trala súa propia experiencia, destacou: 

Vantaxes do ClassDojo: 
֍   Permite comunicarche (como persoal docente) coas familias sen ter que estar cara a cara.
֍   Ademais de poder ver as puntuacións dos seus fillos e fillas e de ver como estes progresan no seu proceso de ensino-aprendizaxe, permite establecer un chat directo co persoal docente para manter directamente unha conversación online. 
֍   Trátase dunha plataforma de acceso gratuíto, só tes que dispoñer do material necesario (Computador, móbil, tablet, etc) e acceso a Internet para poder usalo. 
֍   Permite unha comunicación sincrónica e individualizada. 
֍   Anima ó alumnado para participar e prestar máis atención en clase xa que os puntos ou eses selos adoitan estimular esas accións. A crianzas percíbeno como un xogo. 
֍   Trátase dunha plataforma creada orixinalmente en inglés pero que ten a vantaxe de estar traducida por Chrome. 
֍   É unha multiplataforma, xa que se pode usar tanto para Android como para iOS.
֍   A través dela pódese estipular con claridade os fins que se pretenden alcanzar no grupo, presentándose dunha maneira clara para as crianzas.
֍   Permite unha retroalimentación continúa (Persoal docente-familias e Persoal docente-alumnado). 

Desvantaxes do ClassDojo: 
ᴥ     Fomenta a competitividade, xa que os nenos e as nenas poden enfrontarse por querer obter máis puntuacións positivas. 
ᴥ     Crea unha sensación de vixilancia constante. 
ᴥ     Pode xerar pelexas entre as crianzas, por converterse en favorito da persoa docente. 
ᴥ     Penaliza pero non facilita unhas pautas de corrección adecuadas, é dicir, outorga puntuacións negativas pero non explica extensivamente o porqué dese castigo. 
ᴥ     Utiliza unha linguaxe non inclusivo. 
ᴥ     Diminúe o contacto real e físico.
ᴥ     Depende necesariamente das conexións a Internet. 
ᴥ     Ligado ao anterior, pode levar a posibles equívocos na expresión e comprensión da información que se está dando. 
ᴥ     Vértense datos persoais na rede. 


Gustaríanos que valorásedes a aplicación por vós mesmos, para que así poidades comprobar en primeira persoa o rendemento que lle podedes sacar, e articular a vosa opinión ó respecto!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Cute Black Pencil