Etiquetas

martes, 14 de marzo de 2017

🚨🚧Construíndo a web do noso proxecto!🚧🚨

Ola camaradas!
Na última sesión coa mestra Paz 😢, creamos a nosa propia páxina web! Vaia salto!😲 A plataforma online que estamos a empregar é weebly, adicada á creación de páxinas web tanto gratuitas como de pago. A pesares de que o seu funcionamento é moi intuitivo e conta cunha ampla gama de plantillas e posibles modificacións que axudan a customiza-la web ó noso antollo, para que a derradeira experiencia con Paz non fose a excepción á norma, tamén nos custou un pouco arrincar e tomar as primeiras decisións de deseño. Se queredes indagar no mundo das páxinas web, deixámosvos un enlace co equipo de Website ToolTester que vos ofrece comparativas dos que consideran mellores sitios para iniciarse nesta actividade.

Afrontar a creación dunha páxina web fixo que nos somerxeramos nun mundo descoñecido para nós, tanto no que respecta a cuestións visuais ou de deseño, como a cuestións funcionais ou de manexo. Como sempre que un comeza a traballar cunha ferramenta nova, fomos descubrindo pouco a pouco as posibilidades que nos ofrece. Aínda así, tivemos axuda, xa que atopamos diversos tutoriais e materiais orientativos que nos facilitaron moito a tarefa. Podedes consultar ditos tutoriais aquí.

Para ir creando ambiente, contarémosvos que o obxectivo da páxina será expoñer o proxecto amplificado con TIC que estamos preparando para un grupo de crianzas de 3º de Educación Primaria. Se lle queredes ir botando un ollo, non tedes máis que premer no nome do proxecto que vos expoñemos a continuación: faunAPP

Gustaríanos moito que participarades na súa creación por medio de preguntas, críticas construtivas e suxerencias. 
Un saúdo e ata a próxima! 😎




venres, 10 de marzo de 2017

Así empezou todo...

Ola camaradas:
Nesta entrada queremos empezar a expoñer o deseño do noso Proxecto: unha Tarefa Integrada amplificada con TIC. 

Como bo traballo que se precie, comezamos por unha fase de investigación, indagando nos gustos, afeccións, medos, intereses e preocupacións das crianzas que temos ó noso redor. Despois de interactuar coas criaturas de forma illada, para lograr ganarnos a súa confianza 😏, escoitamos todo o que nos tiñan que dicir para sacarlle o máximo partido de cara ó noso proxecto.  É ben certo que as meniñas e os meniños se dispersan nun amplo espectro de asuntos que son difíciles de plasmar nestas liñas. A grosso modo, os temas que máis non chamaron a atención foron os seguintes:
En primeiro lugar os videoxogos, nos diferentes formatos correspondentes: tablet, consola, smartphone, …
Por outra banda tamén nos falaron de certos alimentos pracenteiros que teñen restrinxidos: golosinas, doces, …, en definitiva alimentación de dubidoso valor nutricional pero de adición desmedida.
Outro tema polo que mostraron preocupación e ansia foron os dispositivos móbiles, a necesidade de posuír un, de custodialo e posuílo como ben persoal, que non deban de compartir con ninguén e do que non deban de render contas.
Finalmente, o tema que máis espertou o noso interese foi o medo, nos seus diversos orixes: medo á perda dalgún ser querido, medo a seres fantásticos que se lle aparecen en pesadelos difíciles de esquecer, e por último: medo a sons naturais e descoñecidos que os abordan en momentos de soidade, como pode ser o do preludio ó sono.
Unha vez sintetizadas as manifestacións dos cativos e das cativas, pensamos en que gustos ou afeccións podiamos ter en común nolas dúas... 🙊 ? 🙊. Unha de costa e a outra de interior; unha involucrada con todo o que oe, ve e escoita e a outra neutra por natureza... 😱 O certo é que resultou máis fácil do que poda parecer: a natureza, o amor pola terra, e por suposto o amor pola natureza da nosa terra. Así pois, fixamos como obxecto do noso proxecto algún elemento da natureza que poda ir vinculado cos intereses das criaturas.

Por último, quixemos engadir algún compoñente social; algún elemento da actualidade co que poidamos traballar e involucrar ó alumnado para facelo partícipe da mesma. Partindo do elemento central prefixada: a natureza, resultounos fácil verlle a utilidade tanto na concienciación como na necesidade de acción, o que o noso adorado Paulo Freire chamaría concientización. Aínda que neste caso, por proximidade, sexa aplicado ós ecosistemas da nosa contorna. Trátase dun tema que afecta en gran medida á nosa existencia, e que está de rabiosa actualidade, como podemos comprobar tanto en diarios do país coma de tirada nacional:


Así pois, decidimos centrarnos na área de Ciencias da Natureza para crear un proxecto integrado amplificado con TIC, no que imos traballar as diferentes especies animais da nosa contorna para poder amosalas á comunidade e deste xeito implicar a máis actores no seu coidado.  A finalidade do noso proxecto é crear un catálogo de Realidade Aumentada sobre os animais do noso ecosistema. O fluxo de traballo do noso proxecto comezaría implicando ó estudantado no mesmo, e reflexionando de xeito conxunto con eles sobre os coñecementos que xa temos e os que, pola contra, queremos adquirir. Chegados a este punto, empregaremo-las TIC para buscar información, e unha vez estruturada a mesma, deseñaremos e elaboraremos o catálogo. Unha segunda fase deste proxecto sería solicitar a colaboración doutros centros (nacionais ou internacionais) que tamén haxan creado o seu propio catálogo de animais da súa contorna, para así poder intercambialos e coñecer tamén a fauna doutros ecosistemas alleos a nós.


Somos conscientes de que é un proxecto moi ambicioso, pero nolas dúas somos da idea de que non existen proxectos demasiado grandes, senón vontades pequenas.

A ver que tal nos queda...😉

martes, 7 de marzo de 2017

Ser quen de abri-la porta ás TIC


Boas, colegas da rede!
Despois de levar preto de mes e medio comezando a somerxernos neste océano que son as aplicación educativas e o seu amplo uso, estamos a ser conscientes do necesario que é un espazo de formación para o persoal docente. Non só formación previa, durante o estudo do grao, senón unha formación permanente e continuada, que non dependa soamente das inquedanzas e tempo dispoñible por parte dos mestres e das mestras. O que queremos dicir, é que se require unha guía, unha orientación necesaria, que axude a descubrir mundos de creatividade e innovación ocultos baixo a máscara do uso improdutivo das TIC.
Imaxinamos que no día a día de calquera persoa adicada ó campo da docencia, os tiras e afrouxas que xorden da interacción diaria, a carga de traballo académico e burocrático poden quitar as ganas de tontear (se se nos permite a expresión) coas TIC.
A primeira barreira que temos que sortear é o medo a explorar, a buscar, a errar; en definitiva, a aprender. De seguro, ás persoas que se senten máis cómodas coa tecnoloxía cóstalles entender do que estamos a falar. Pois ben, dende aquí queremos romper unha lanza a favor de todas aquelas persoas que se sinten intimidadas á hora de achegarse a este mundo: infinito en contidos, pero tamén en posibilidades. O medo, dicía unha querida amiga de Cris, garda as viñas, pero o medo entre dous tamén se leva mellor: calquera camiño é máis sinxelo de percorrer cando un o fai acompañado 😉. Por este motivo, é moi importante achegar esta nova visión das tecnoloxías facéndoa máis palpable ás mans das persoas fóbicas e/ou profanas na materia, axudando a franquea-la barreira dende unha práctica guiada, orientada e sobre todo animada.
Si; isto é algo no que levamos cavilando dende hai uns días: a importancia de que alguén, ben sexa docente (coma no noso caso), ben sexa compañeiro ou compañeira, axude a abri-la porta do novo mundo; e unha vez dentro, sen medo a aprender, nos podamos somerxer ó noso gusto e interese.
Se algo aprendemos ata agora é que o máis difícil sempre é comezar, de aí que consideremos moi importante o acompañamento nese primeiro paso, como quen acompaña a unha crianza da man nos seus primeiros pasos, ou como quen fai que terma polo ventre ó nadador que comeza a bracear. Non convén esquecer que somos seres humanos, sociais por natureza: aproveitémolo!

E vós? Quen vos axudou a comezar esta andaina? Compartide con nós as vosas experiencias!

mércores, 1 de marzo de 2017

Imaxinando a docencia con PicPac!

Ola camaradas!
A sesión de hoxe foi realmente estimulante e motivadora: puidemos misturar as nosas habilidades manuais co emprego das TIC mediante a aplicación PicPac! Esta aplicación está dispoñible tanto para Android como para iOS.
Permite levar a cabo tódolos pasos da producción, dende a montaxe das imaxes, a locución ou incluso a música de fondo. Para as persoas profanas na materia, queremos explicar o termo Stop Motion, que se refire a cando a animación non é un debuxo animado, senon que se lle da vida a obxectos de todo tipo, como maquetas ou bonecos (articulados ou de plastilina) mediante imaxes tomadas por fotografía ou filmación, empregando a técnica de "fotograma a fotograma" ou "cadro a cadro", tal e como explican neste blog de educación e cine.
Neste tipo de películas, as figuras vanse transformando ou movendo no progreso da animación paso a paso, creando así a sensación de movemento, polo que é un proceso moi laborioso. Como exemplo icónico, non podemos deixar de citar a marabillosa obra de arte creada por Tim Burton: Pesadilla antes de Navidad

A nosa obra de arte non se pode comparar cunha creación que levou 3 anos realizar, pero pensamos que amosa dun xeito claro a nosa concepción da docencia e o que nos gustaría chegar a aportar á sociedade por medio da nosa profesión.
O fluxo de traballo para este producto comezou coas indicacións da nosa profesora, que nos indicou que debíamos crear un busto que representara á docente que queremos ser. O primerio que fixemos foi chegar a un acordo sobre aqueles elementos clave na nosa concepción da educación, é dicir, aquilo que non podería faltar nunha aula. Así, coincidimos en que valores tales como a empatía, a cooperación e a solidaridade, e emocións como a alegría non podían faltar! Ademáis, incluímos debuxos de diferentes bonecos, xoguetes, animais, e todo tipo de estímulos que forman parte da vida das crianzas no seu día a día.
A continuación compartimos con vós o resultado. Que vos parece? Que incluiríades vós? Quitaríades algo?




Por se o noso traballo non vos convence (😂), estivemos navegando pola rede, e atopamos varios exemplos interesantes. O primeiro deles levouse a cabo no taller de Stop Motion do colexio Ártica, en Madrid. O alumnado de 5º de Primaria deste centro, organizado por grupos, realizou curtometraxes de temática variada empregando materiais da aula. A continuación deixámosvos o link por se queredes desfrutar deles.


Volvendo agora á terriña, temos o exemplo do IES As Barxas (Moaña), que realizaron unha serie de curtometraxes con plastilina co fin de crear os títulos de crédito para o lema: "8 de Marzo, Día da Muller Traballadora", tal e como vos amosamos nesta ligazón.

Por último, non queremos deixar de amosarvos o traballo realizado polo profesor de Debuxo, Artes Plásticas e Audiovisuais do IES María Soliño (Cangas do Morrazo), Jose Manuel García Plazuelo, autor da páxina Stop Motion Now. Este mestre, realiza un taller de Stop motion durante os recreos, e aínda que no seu caso está enfocado ó alumnado de Secundaria e Bacharelato, os titoriales que recopila no seu blog poden axudarnos a materializar as nosas ideas na creación de contidos para o alumnado de Primaria.

A pesar de que tódolos exemplos están enfocados ás artes plásticas e audiovisuais, a nos ocórrensenos outros tipos de usos tales como a explicación de procesos naturais (como por exemplo o percorrido que fai o bolo alimenticio por dentro do organismo), para matemáticas (facendo visuais as operacións numéricas implícitas nas tablas de multiplicar), ou mesmo para crear cohesión na aula mediante proxectos lonxitudinais onde todo o alumnado esté incluído (ir tirando unha foto das crianzas tódolos días para ó final do curso poder facer un video coa súa evolución), etc.

Que outras aplicacións se vos ocorren a vós, camaradas blogueiros? Non sexades tímidos e partillade con nós as vosas ideas e inquedanzas! Estaremos encantadas de respostarvos!😍

venres, 24 de febreiro de 2017

Explorando Toontastic!

Boas camaradas blogueir@s!
Nesta nova entrada queremos compartir con vós a nosa aventura con Toontastic! Trátase dunha aplicación que nos pode ser moi útil para dinamizar contidos na aula. A súa premisa básica é a de crear unha historieta que podemos personalizar de mil xeitos diferentes, dende escolle-los distintos personaxes ata o número de esceas, ou o ambiente e a música que lle daremos a cada momento. 
Para nós, un dos puntos máis fortes desta aplicación é a posibilidade de adaptar os personaxes ás necesidades dos proxectos, incluso engadíndolle fotografías ós mesmos. As súas aplicacións poden variar dende actividades máis enfocadas á narración artística (como crear un conto), ata explicacións de contidos descubertos polo alumnado.
Outra das grandes vantaxes que lle atopamos é que o gran abano de posibilidades que presenta permite crear historias que fomenten a inclusión e a diversidade.

Cando comezamos a nosa andaina na creación da historieta, o fluxo de traballo comezou sendo lento (xa vos temos comentado noutras entradas que sempre tardamos un pouquiño en arrincar... 😕), pero axiña lle collemos o xeito. Ó igual que no uso de outras aplicacións, o traballo colaborativo foi a clave para comprender o seu funcionamento, e para mostra un botón: aquí nos tedes fedellando co iPad da nosa profe:



O primeiro que nos plantexamos foi o número de escenas que tería a nosa creación, para así poder adaptar o argumento e os personaxes á duración da mesma. Unha vez feito isto, seleccionamos o tipo de personaxes que íamos empregar e o entorno no que se desenvolvería a acción. O derradeiro paso foi grabar os diálogos e executar os movementos dos personaxes, así como escolle-la música que ambientaría as nosas escenas. Este é o noso producto final: unha historia moi curta sobre a cooperación, a diversidade e a amizade, agardamos que vos guste! 😀


Despois de realizar o noso traballo, decidimos sumerxirnos na rede na procura de experiencias de outras persoas empregando Toontastic, e aínda que atopamos moitos exemplos de colexios que empregaron esta aplicación para traballar diferentes competencias, quixemos compartir con vós os contidos creados con esta aplicación polo alumnado do Viñagrande-Deiro, na comarca do Salnés. Se pinchades no link que vos poñemos a continuación podedes ver como por medio da aplicación traballan as ciencias naturais, concretamente os ósos, e a expresión oral. 

Outro exemplo, neste caso de iniciación no seu uso, é o do alumnado de 1º e 2º curso de Primaria dun colexio moi próximo a nós, o CEIP Quintela, en Moaña. A valoración que fan da experiencia é totalmente positiva, xa que destacan a axuda que a aplicación ofrece ó alumnado nos procesos de escritura creativa, permitíndolles crear calquera cousa de xeito moi sinxelo (dende contos ata reportes sobre libros), e tamén a motivación que supón para eles poder crear a súa propia historia. Deixámosvos o link do seu blog, para que lle botedes unha ollada:

Finalmente deixámosvos a valoración que fan as propias crianzas de Toontastic na súa revista escolar de 5º de Primaria do Colexio Alameda de Osuna, en Madrid. Neste caso, na páxina 13, a alumna Catalina Valle fai unha valoración da aplicación e destaca o divertida e gostosa que foi a experiencia. Pinchade aquí para vela!

Á vista dos descubrimentos que fixemos na nosa pescuda, ocórrensenos varios usos que darlle a Toontastic, entre eles, a explicación do ciclo da auga, o proceso de formación dun río, a versión animada dun feito histórico, a natureza das emocións, etc. Cales se vos ocorren a vós? Non dubidedes en compartir con nós as vosas ideas! 😝


Cute Black Pencil