Etiquetas

martes, 14 de febreiro de 2017

Actividade Tema 1 - Diferencia entre xeracións polo uso da tecnoloxía

Ola a todos! Hoxe vou compartir convosco a actividade obrigatoria do Tema 1, que consiste en atopar dous exemplos de actividades que os nosos pais realizaban de xeito diferente a como as facemos nós, e cuxa diferencia radique no emprego de tecnoloxía.

O primeiro exemplo que se me ocorre é o acto de quedar cos amigos ou organizar una reunión social de calquera tipo. Na época dos nosos pais, tiñan que chamarse por teléfono as veces que fixera falta para organizar todo. Sen embargo nós, para organizarnos creamos un chat conxunto (a través de Whatsapp ou o Messenger de Facebook), o que facilita que todo o mundo poida dar a súa opinión e que todas as persoas implicadas poidan coñecer a opinión dos demáis sen necesidade de facer una infinidade de chamadas, ou de fiarse do que un lle conta que dixo o outro.
Paréceme un avance importante e significativo no plano social, xa que permite unha forma moito máis interconectada e dinámica de organizar una xuntanza, sexa para ir tomar un café, ou sexa para organizar una festa sorpresa de aniversario.
Para levar a cabo este tipo de tarefa, coido que as competencias que debemos ter pasan, obviamente, por controlar minimamente este tipo de aplicacións de mesaxería instantánea, así como ter a capacidade de empregalas asiduamente e integralas no noso día a día, xa que do contrario nada do exposto tería sentido. Dentro deste aspecto, as implicacións educativas que lle atopo pasan pola obriga do docente de adquirir un novo rol e uns novos coñecementos (coñecer adecuadamente a rede e as súas posibilidades) para así poder empregala na aula e amosarlle ós alumnos os beneficios e desvantaxes da mesma.

Outro exemplo que se me ocorre de cómo cambiaron as nosas vidas por mor das TIC con respecto ás vidas dos nosos pais é o procedemento que empregamos para mercar un agasallo. Os nosos pais tiñan que idear primeiro na súa cabeza o que querían, e despois visitar una chea de establecementos comerciais ata, con sorte, acadar o que buscaban. Para nós isto é moitísimo máis doado: por medio dun buscador podemos acceder a centos de ideas que se aproximen e completen unha vaga idea da nosa cabeza. Por exemplo, se os nosos pais querían mercar un sombreiro, tiñan que ir de sombrerería en sombrerería preguntando por un modelo que tivesen en mente. Para nós é tan sinxelo como introducir nun buscador estilo Google "mercar + sombreiro" e sairannos centos de sitios web dispostos a vendernos centos de sombreiros diferentes. Non soamente é máis rápido e sinxelo, senón que nos abre a porta a posibilidades nas que pode que nin tan sequera houbesemos pensado.
Para levar a cabo tal cometido, ó igual que no exemplo anterior, é primordial manexar minimamente os motores de búsqueda de contido en internet, para poder realizar unha busca exitosa. Así, as implicación educativas van na mesma liña, xa que sería interesante que o docente adquirise as competencias necesarias para ensinarlle ó alumnado a realizar unha boa búsqueda e chegar, da forma máis eficiente posible, ó contido que desexan acadar.

Para rematar, coido necesario resaltar que estes son soamente dous exemplos dos centos (ou miles) que existirían sobre como as TIC modificaron o noso día a día, polo que, como futuros docentes, debemos estar preparados para aprenderlle ó noso alumnado non soamente as virtudes e vantaxes das TIC, senón tamén os seus perigos e implicacións menos benignas. Para levar a cabo tal cometido, debemos emprega-las TIC con soltura e de xeito resolto, xa que difícilmente poderemos ensinarlle a empregalas de xeito adecuando se non temos un control alto deste recurso.
Isto último ten evidentes implicacións na nosa labor como docentes, xa que se nos esixen unha serie de competencias que antes non eran necesarias, tales como a capacidade de discernir a información pertinente da que non o é, ou os sitios web potencialmente dañinos ou inadecuados de aqueles inocuos; é dicir, a presencia das TIC na aula implica unha capacidade crítica por parte do persoal docente acerca das características e potencialidades da información e aplicacións que existen na rede.
Indiscutiblemente, isto tamén ten implicacións na aula ó nivel das competencias do alumnado, é dicir, modifica os criterios de avaliación, incluíndo neles as competencias dixitais, que lle permitirán acceder e adquirir a novos tipos de coñecemento. Por conseguinte, os contidos tamén se verán afectados por este cambio, polo menos no xeito en que o alumnado se achegará e traballará con eles.

Vós qué pensades? Estades de acordo? Que outros exemplos se vos ocorren?

Aplicacións que dan a vida: Chatterpix kids.

Chatterpix kids é unha aplicación que se oferta en itunes, para os iPhone e iPad. Trátase dun programa que se basea na idea de darlle voz ás fotografías feitas previamente. O mecanismo é sinxelo: despois de sacar unha foto, debúxaselle unha liña a modo de boca e grávase un son, unhas verbas ou oracións enteiras que figurarán como ditas a través da boca. Como colofón, pode decorarse a creación cunha serie de características prefixadas que contribúen a personalizala.
As vantaxes que oferta son variadas: en primeiro lugar o seu uso é sinxelo e intuitivo. Isto fai da aplicación un instrumento manexable para tódalas idades. Os seus usos poderían estenderse dende a propia aula, ó centro educativo, ó entorno familiar ou ata o comunitario. 

Pode dar pé a ser empregada a modo de glosario doutras linguas nas que se está aprendendo, así pois mentres a manexan poden ir gravando o nome dos elementos na lingua que desexen, e polo tanto van asimilando o novo vocabulario. Nesta mesma liña, pode contribuír a crear un catálogo das diferentes especies animais ou vexetais nas que está interesado o alumnado. Esta foi a utilidade escollida por Maite Pelegrín (2015) e publicada no blog docente colectivo EN LA NUBE TIC. Maite Pelgrín fai unha completa explicación da aplicación e mostra dous exemplos usando a lingua inglesa. Pincha aquí para coñecelos!

Tamén pode ser empregada para que o alumnado presente un novo entorno, xa coñecido por eles ou elas, a persoas para as que resulte descoñecido. Por exemplo o alumno máis veterano pode crear un produto no que se presente o novo centro educativo ó estudantado que accede por primeira vez.

Esta aplicación tamén pode contribuír a crear un produto de presentación da localidade na que viven, podendo servir de guía turística para as persoas que a visiten.

Estes son só algúns exemplos dos usos que podería ter. Imaxínome que co uso cotiá, poderán xurdir novas ideas para conseguir sacarlle un maior rendemento. Ocórresevos algunha?

Déixovos unha mostra da nosa experiencia:



Divertíndonos con ChatterPix Kids!

Ola a todos! Querovos comentar que para remata-la sesión desta semana, a gran novidade foi: ChatterPix Kids! Tratase dunha aplicación, que polo de agora soamente está dispoñible para ipods e iphones, que nos permite animar obxectos da nosa contorna dun xeito moi sinxelo e intuitivoA esta animación podemos añadirlle voz, polo que os seus posibles usos e aplicacións son tantas como a nosa imaxinación nos permita!

Cris e máis eu fixemos as animacións orientadas a cómo se lle poderían presentar algúns dos elementos dunha escola ó alumnado que chega novo. Como mostra deixovos unha das dúas animacións que fixemos. Agardo que vos guste tanto vela como a nós facela!



Indagando na rede, atopei un exemplo de uso xenial para esta aplicación! O alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria do colexio CRA Las Cañadas, en Segovia, creou un árbol xenealóxico dos reis de España empregando diferentes aplicacións, como Popplet ou YouTube, entre as cales se atopaba ChatterPix Kids, e conseguiron un resultado alucinante! Mediante unha técnica colaborativa e de cooperación, repartiron o traballo de busca de información, e xeraron un mapa conceptual en Popplet. Unha vez feito isto, empregaron ChatterPix Kids para engadir unha frase sobre a vida dese soberano en concreto, de xeito que a dicía en primeira persoa! O resultado paréceme marabilloso e quero compartilo con vós! (Actividade 9, páxinas 97 e 98)


Que usos se vos ocorren a vós? Non dubidedes en compartir!
Ata a próxima amig@s!😎

Descubrindo Pinterest e Symbaloo dende Blogger

Ola a todos de novo! A clase de hoxe foi especialmente interesante e entretida!
Hoxe coñecemos dúas novas aplicacións de internet. A primeira delas, Pinterest, pareceunos especialmente útil e interesante. Trátase dunha especie de catálogo online, onde un pode gardar o que considera especialmente curioso ou inspirador, e ir construíndo así pequenos taboleiros temáticos onde ter sempre a man ideas cautivadoras e suxestivas.
Ó principio custounos un pouco facernos coa dinámica de uso (a brecha xeracional é máis grande do que pensabamos!) pero finalmente conseguimos que Pinterest acatase a nosa vontade 😎.
Ocurríusenos que unha das posibilidades de Pinterest na aula sería emprega-la para crear diferentes catálogos temáticos (animais, plantas, etc.) nas que o alumnado puidese ir incluíndo items que eles consideren relacionados co tema. Outra posibilidade sería ensinalos a empregar os taboleiros para gardar cousas que lles resulten inspiradoras, e que poidan empregalas en futuros proxectos.


Outra das aplicacións que coñecemos hoxe foi Symbaloo, que ven sendo como unha especie de escritorio ou menú principal onde un pode anclar as aplicacións que emprega máis a miúdo (como por exemplo Facebook, Gmail, Twitter ou Pinterest claro!). Permite unha certa personalización do fondo, e tamén inclúe unhas funcionais pestañas na parte superior para ter diferentes "menús". Por exemplo, podemos crear unha pestaña coas aplicacións nas que temos unha actividade máis social como Facebook ou Twitter, outra na que teñamos aplicacións ou páxinas web máis teóricas ou escolares, como a páxina da uvigo ou a plataforma faitic, outra na que gardemos intereses persoais (como páxinas de deportes ou manualidades), etc.
Aquí vos deixamos o webmix que empregamos na realización do noso blog:



Á hora de incluíla na dinámica da aula, Symbaloo permitiríalle ó alumnado ter sempre accesible as súas páxinas e aplicacións de interese, sen importar o dispositivo dende o que acceden.

Por último, debemos mencionar o partido que lle estamos sacando a Blogger, xa que nos permite compartir todo isto con vós.😉
Bueno, e ata aquí durou a sesión desta semana. Seguiremos narrando as nosas peripecias no uso das TIC e as súas aplicacións na aula.

Ata a próxima amigos!😁

sábado, 4 de febreiro de 2017

Experimentar ou non experimentar, esa é a cuestión!



Despois da última sesión de clase, teño sentimentos encontrados. A experiencia de aula vivida o día 3 de febreiro, foi tan dura como entretida. Costa afacerse a idea, como moi ben di a miña compañeira Ana, de que se descoñecen elementos tan cotiás e útiles como poden ser estas aplicacións: Symbaloo, Pinterest e ChatterPix Kids tan coñecidas polas persoas asiduas a esta vida tecnolóxica. 

Foi nese intre cando me din conta de que, as TIC coma todo, son unha cuestión de linguaxe e de actitude. Actitude positiva e crítica hacia a innovación tecnolóxica que tanto nos ten que ofrecer e que tan ben descoñecemos. E linguaxe, descoñecido, xa non só polo nome das aplicacións e o seu uso, senón tamén pola forma na que mutan esas propias palabras ata derivar en verbos, adxectivos, ou interxeccións: co Pinterest pineas pins, cos que podes acceder ós bloggers que os bloggearon... auténticos trabalinguas! 

Desculpade a miña ignorancia; pero eu sigo aprendendo, e como en todo bo proceso de ensinanza-aprendizaxe, para poder construír algo novo, teño que destruír os antigos muros que me impedían avanzar neste campo. Por iso o meu propósito vai ser deixar de cuestionarme se son ou no necesarios para a sociedade, para a educación ou para a miña vida privada, e comezar a coñecelas ó longo e ó ancho para poder valoralas de forma crítica. 

Para pechar este post (dise así?) quero convidarvos a unha reflexión: 
Quizais isto é o que tódalas persoas, en maior ou menor medida, perdemos coa idade, a necesidade de experimentar ata atopar o significado que o mundo ten para nós. Ou vai máis vencellado coa personalidade?  😉


Cute Black Pencil